Tuesday 07 de May de 2024

O Concello inviste 655.875 euros en reformar un local municipal para convertelo no novo viveiro de empresas do Papagaio


Este proxecto permitirá contar cun centro de 1.000 metros cadrados destinado á innovación empresarial

O Concello da Coruña informa de que se adxudicou o proxecto para a reforma do local municipal que se converterá na sede do viveiro de empresas do Papagaio, un concurso público ao que se presentaron un total de 29 propostas e que supoñerá un investimento final de 655.875 euros.
O actual equipo de goberno tivo que desbloquear un convenio de 2005 para facerse coa titularidade deste baixo de 2.109 metros cadrados do Papagaio -dos que 1.000 metros cadrados se destinarán ao viveiro-, ademais de asinar un convenio de colaboración coa Fundación Incyde e a Cámara de Comercio para a súa posta en marcha.
A reforma deste local de titularidade municipal para convertelo no viveiro de empresas do Papagaio adxudícase por 655.875,38 euros, o que supón un aforro do 29%, é dicir, máis de 270.000 euros, con respecto ao presuposto de licitación. A obra, que executaráTerrauga Proyectos e Obras e que ten un prazo de execución de 4 meses, conta para o seu financiamento cun 80% de fondos europeos, mentres que o 20% restante o achega o Concello. O Goberno municipal cumpriu así o seu obxectivo de adxudicar esta obra antes de que finalice o ano 2014.
Coruña Futura recolle como unha idea fundamental que toda esta zona do Ensanche e Cidade Vella sexa un distrito pensado para a creatividade e, na zona onde se asentará o viveiro do Papagaio, un gran número de empresas, entidades e persoas relacionadas coa creación, un centro de innovación empresarial que contribuirá a xerar creatividade.
O viveiro, situado nun local do Bulevar do Papagaio, será un espazo diáfano e versátil, con pavimento continuo e mesas, papeleiras e asentos que se cambiarán en función das necesidades. O novo centro terá sete zonas diferenciadas en función das necesidades do emprendedor:
o1- IDEA: espazo destinado aos emprendedores que teñen unha idea e queren analizar a súa viabilidade. Proporcionaranlles asesoramento, formación e coñecementos de estudo da evolución do mercado.
2- EMPRENDE: espazo deseñado para os emprendedores que queren montar a súa empresa pero que necesitan asesoramento para realizar os trámites, como conseguir financiamento ou onde situar o seu negocio.
3- CRECE: para os empresarios que xa teñen a súa empresa funcionando pero queren consolidala ou aumentar o seu volume de negocio.
4- NUBE: este espazo ocuparao o denominado viveiro virtual ao que os emprendedores poderán acceder dende calquera dispositivo e as 24 horas. Estará equipado coas últimas tecnoloxías.
5- CONECTA: espazo permanente de networking para potenciar o emprendimiento e a tecnoloxía nas empresas.
6- BRAIN: será un espazo central que recordará a unha especie de cerebro que interconectará o resto dos espazos do viveiro.
7. I-BOX: espazo que servirá de almacén a disposición dos emprendedores.

O centro poderá acoller, de media, 24 empresas de innovación que poderán traballar de forma simultánea co obxectivo de encontrar acomodo e consolidar un espazo para a xeración de novas ideas e emprendedores que contribuirán a facer cidade.